Plataforma Som Energia
Plataforma Som Energia

Donde el debate abierto, transparente y participativo tiene lugar.

Encontro de grupos avisadores sobre enerxías renovables e seguros éticos na economía social e solidaria galega do 20 de outubro de 2012

O pasado día 20 de outubro de 2012 celebrouse no concello de Narón un encontro para, no referente a este proxecto, a organización e posta en marcha da rede avisadora - divulgadora na economía social e solidaria galega.

A continuación pódese ler un resumo de como resultou o encontro:

ENERXÍAS RENOVABLES: Organización e posta en marcha da rede avisadora - divulgadora na economia solidaria galega
Na primeira parte da xornada, estivemos a reflexionar sobre a situación actual do sector eléctrico galego, sobre a suba do 20% no recibo da luz que se agarda para o vindeiro mes de xaneiro e sobre a importancia de manternos informados nesta materia. Aproveitouse para facer un breve recordatorio sobre a organización, xestión e liñas de actuación de Som Energia Coop., ao tempo que comezaron a sair dúbidas que deberán respondernos desde a propia dirección de Som Energia (p.e. “que acontece se queremos asociarnos a Som Energia Coop., mais o contrato da luz do noso local de traballo está alugado e a nome da propietaria; entender dunha vez por todas o que pagamos de xeito real polo consumo de luz nun recibo tipo; pagaremos máis en xaneiro? E se é asi, canto máis?”.

Neste sentido estivemos a traballar nas tarefas concretas que de forma voluntaria cada unha das persoas interesadas no proxecto esteamos dispostas a asumir alomenos ata a seguinte reunión - sábado 19 de xaneiro en Compostela - como partícipes da rede avisadora de Som Energia Coop. en Galiza. Por suposto sempre haberá sitio para a entrada de voluntarias no grupo avisador. Sobre a realización de charlas informativas comentouse a importancia de grabar algunha en galego para poder incorpora-la, ben no noso futuro espazo Som, ben na web de Som de forma directa se é posible, e no web de Panxea Coop. (www.panxea.org) que se ofreceu, incluindo alí a PPT xunto ao tempo que re-twittearán desde alí eventos de interese. Deste xeito, canto máis material divulgativo teñamos a man, máis fomentaremos a entrada de potenciais informadoras por todo o noso territorio.

Lembrade que haberá próximas presentacións de Som Energia Coop. en Zocamiñoca Coop., en Verdegaia e na Coordinadora Galega de ONG´s. E no entanto non se dispoña das ferramentas necesarias para nun futuro dispór do acceso protexido á base de datos das socias de Som próximas aos eventos informarase das vindeiras novas através deste grupo de “seguidoras de Som Energia Coop. en Galiza” que o noso compañeiro Dani, de Zocaminhoca Coop., está a organizar - monfero@gmail.com. Toda persoa interesada en pertencer a este grupo por favor que se poña en contacto con nós ou con Dani.

O 17/18 de novembro, en Arzúa, haberá unha nova edición de Terra@ctiva, e disporase de espazo para falar de seguros éticos, finanzas éticas e enerxías renovables.

Conclusións:

  • Cumprimos os obxectivos previstos nesta xornada ao podermos ser capaces de dar pasos concretos na formación e organización de dous grupos avisadores/divulgadores do mercado social, pezas chave para o desenvolvemento real deste proceso de transformación da economía social galega.
  • Seguindo o punto anterior repartíronse responsabilidades nas tarefas concretas que se consideraron máis relevantes para a fase inicial do proceso, tal e como amosamos nas Táboas xuntas.
  • Por suposto este é apenas o primeiro paso. Agardamos que tanto aquelas persoas que non poideron participar neste Encontro como as futuras socias de Som Energia Coop. e Arç Coop. en Galiza, participen coma nós nestes proxectos e se animen a facer parte del/es, ben simplesmente comentándoo dun xeito informal entre a súa contorna máis próxima, ben comprometéndose a realizar algunha charla informativa ou incluindo novas relacionadas co tema no futuro lugar de encontro dixital que estamos a deseñar, achegando novos puntos de vista...
  • Recordade que a vindeira reunión para manternos formadas e informadas será o sábado 19 de xaneiro de 2013, ficando pendente de confirmar o lugar de celebración da mesma.

Podes descargar o documento completo do resumo do encontro na seguinte ligazón (descargar)