Plataforma Som Energia
Plataforma Som Energia

Donde el debate abierto, transparente y participativo tiene lugar.

Encontro sobre enerxías renovables na economía social e solidaria en Galiza - 4 de xullo de 2012

Esperamos poñer ao día o blog con todos os encontros e actividades relacionadas co grupo de traballo da Galiza. Nesta ocasión recuperamos a información dun encontro realizado no pasado mes de xullo. Este encontro pode considerarse como o inicio do proxecto de Som Energia na nosa comunidade, apuntando xa á creación dun grupo de traballo galego para a difusión do proxecto.

O pasado 4 de xullo organizouse o primeiro encontro sobre enerxías renovables na economía social e solidaria en Galiza.

Este encontro enmárcase dentro da estratexia da Federación de Cooperativas SINERXIA e outras organizacións e redes da economia social e solidaria en Galiza e noutros territorios estatais de fomento e afortalamento da intercooperación através de mercados de economia social e solidaria. Trátase de que as persoas que forman parte das organizacións de economia social e solidaria practiquen a intercooperación na súa vida cotiá, através da merca de produtos e servizos en organizacións de economia solidaria e o depósito dos aforros en entidades de finanzas éticas. Hoxe máis ca nunca resulta imprescindible o desenvolvemento de redes que intensifiquen as prácticas concertadas de intercooperación entre as organizacións de economia social e as persoas e colectivos consumidores e aforradores responsábeis, dando lugar aos intercambios de bens e servizos con carácter regular e sobre criterios de democracia, equidade, respeito ao medio e solidariedade, co obxecto de atender as necesidades das súas integrantes, e abranguendo todo o circuito de circulación económica desde a produción ao consumo, sen esquecer o aforro e o crédito. Nos últimos anos, dentro e fóra das nosas fronteiras, estamos a asistir á promoción de iniciativas que van na procura da creación e consolidación de mercados de economía social e solidaria, dando paso a novas propostas que enchen posibles ocos dentro da rede. Este é o caso da cooperativa que estivo con nós o pasado 4 de xullo en Santiago de Compostela: Som Energia, a primeira cooperativa de enerxía renovable de todo o territorio español.

A presentación dividiuse en tres grandes apartados:

1.- De onde xurde a idea? :
Moitas e variadas razóns contribúen ao seu nacemento:

  • A crise, tamén enerxética (A incerteza no suministro ante estratexias xeopolíticas, o cambio climático, o fin do petróleo “barato”).
  • A necesidade de democratizar o modelo enerxético, apostando polo traballo cooperativo e o apoio á economía local e o desenvolvemento rural.
  • Necesidade de xerar unha demanda enerxética limpa, sostible e local e ao tempo aumentar a produción de enerxía verde, promovendo a eficiencia e o aforro enerxético.


2.- O modelo de Som Energia :

  • Ser unha cooperativa enerxética (e polo tanto seguir os principios de libre adhesión, transparencia, control democrático, participación financeira das socias, intercooperación, compromiso coa comunidade) e ferramenta activa para as persoas que queren un cambio de modelo enerxético.
  • Ofrecer a posibilidade de consumir enerxía verde con garantía de orixe renovable.
  • Potenciar novos proxectos enerxéticos renovables para lograr o balance 0 entre o que consumen como clientes e o que producen como cooperativa. Ao tempo isto promove a creación de postos de traballo relacionados coa enerxía renovable
  • Dar un servicio integral de acceso ao uso de enerxía procedente de fontes renovables.

3.- Que fan e como o fan? :
Primeiramente comentar que desde 1997 hai libre mercado no sector eléctrico e libre acceso das redes a terceiros. Pero o monopolio natural do transporte e a distribución da enerxía fai que soamente a REE poida facerse cargo das instalacións e as redes eléctricas no noso país.

En Som Energia fan, polo tanto, dúas actividades das catro posibles no proceso do sistema eléctrico:

  1. A inversión en produción de enerxía renovable ( parques minieólicos, instalacións fotovoltaicas en tellados, biomasa...) Os criterios para elexir proxectos van na liña da participación activa do pobo, o menor impacto ambiental, a transparencia e tecnoloxías maduras. As socias poden invertir conxuntamente en novos proxectos renovables ben con aportacións voluntarias ao capital social con pagamento de xuros ao 3,5%, ben a través de títulos participativos a 10 anos (5% xuros).
  2. A comercialización de enerxía verde certificada. Para garantir que a enerxía que se está a empregar é renovable 100% Som Energia solicita á Comisión Nacional da Enerxía a emisión dos certificados pertinentes. Recordemos que o obxectivo final é poder chegar a producir o mesmo que consuman as socias de Som Energia, buscando o consumo responsable.


Para unirse ao proxecto soamente temos que entrar na web www.somenergia.coop e inscribirnos, facendo un pago de 100 € como aportación ao capital social (con carácter retornable). No prazo dunha semana, e sen ter que realizar modificacións na instalación eléctrica da vivenda, poderemos consumir electricidade verde certificada e participar do desenvolvemento da cooperativa (Asamblea, Comisións de traballo, Grupos locais e incluso unha Escola de verán).

Obxectivos Xerais do encontro

  • Coordinar con cooperativas e outras organizacións de economia social, colectivos e persoas interesadas, redes da economía solidaria o fomento e creación de redes de cooperación no ámbito dos mercados sociais no ámbito territorial galego, mais sen perder de vista outras redes estatais.
  • Dar a coñecer e pór en práctica a filosofia e as vantaxes da intercooperación e os outros principios e valores cooperativos para organizar estratexias de mercados de economía social.
  • Dar a coñecer experiencias de mercados de economia social e solidaria. Realizar unha diagnose e dinamizar un plano de traballo para crear e consolidar iniciativa/s de mercados de economia social e solidaria en Galiza, incluíndo o sector da comercialización de enerxías renovables.

Obxectivos Concretos

  • Divulgar a experiencia de Som Energia na construción e afortalamento dos mercados sociais.
  • Posibilitar un lugar de encontro e reflexión da situación actual do sector da enerxía renovable desde a dupla perspectiva que Som Energia ofrece ás súas socias, ben como solicitantes deste servizo, ben como participantes financeiras na construcción de novas instalacións de enerxía renovable no noso país.
  • Dar a coñecer a produción / comercialización da enerxía renovable através dunha cooperativa ao público en xeral e á economia social galega en particular como produto / servizo de mercado social.
  • Concretar a necesidade dun proceso de maduración para integrarse/ informar neste proxecto.

Conclusións e futuro a curto prazo

  • Desenvolver un proceso de maduración para que a produción e comercialización de enerxía verde medre na nosa Comunidade, formando parte do proceso de mellora da economía social e solidaria galega.
  • Un primeiro paso podería consistir en informar á sociedade galega da coexistencia da comercialización de enerxía verde e o resto das comercializadoras “tradicionais”, explicando entroutras cuestións a importancia do aumento deste tipo de enerxía, en detrimento doutras enerxías contaminantes.
  • O desenvolvemento desta liña informativa, dun xeito informal pero constante, lograría achegar á experiencia a máis persoas implicadas no mercado social, tal e como está a acontecer en Catalunya, Mallorca, Navarra, Aragón, Valencia, Madrid, Rioja e Andalucía.
  • Desde a Federación de Cooperativas Sinerxia propoñemos aproveitar o encontro do sábado 22 de setembro no que imos tratar precisamente da organización en aspectos concretos do grupo avisador de seguros éticos para darlle forma á idea de constituir un ou varios grupos locais de traballo de Som Energia en GZ, grupo/s que poderían:
    • Difundir o proxecto explicando a filosofía da cooperativa.
    • Animar a máis persoas a sumarse a Som Energia.
    • Buscar proxectos renovables pola súa zona de actuación.
    • Crear espazos de encontro entre as socias da súa/s zona/s favorecendo a implicación e participación de máis persoas.
    • Organizar reunións con axentes locais...

Podes descargar o documento resumo nos "arquivos do grupo" ou directamente na seguinte ligazón (descargar)

 

    • Xan da Torre
      Xan da Torre

      Estupendo resumen Daniel. Paseino ós meus amigos en Galiza a ver se se animan.

      Os ficheiros do novo folleto que colgei pódense editar con un programa OCR de reconocemento de caracteres, os típicos que veñen cos Scanners. Prova a ver e dime algo.

      Apertas.

      Xan